O pasado 29 de novembro, Venecia acolleu o exame internacional de World Skate para xuíces de patinaxe artística, unha das probas máis esixentes no ámbito da arbitraxe. Entre os participantes, dous xuíces galegos destacaron polos seus resultados, fortalecendo o prestixio da patinaxe artística galega a nivel internacional.
Brais Abad obtivo o título de xuíz internacional nas modalidades de danza e cuartetos.
Alexandre Barreiro obtivo o título como xuíz internacional na modalidade de parellas de artístico.
O exame incluíu dúas fases: unha proba teórica, que avaliou o dominio do regulamento técnico, e unha proba práctica, baseada na análise en vídeo de programas de competición.
Desde a Federación Galega de Patinaxe, felicitamos a Brais e Alexandre por este importante éxito, que supón un novo paso adiante para a arbitraxe galega no contexto internacional.