Nada semella mudar na Liga Galega de Hóckey Liña na categoría Feminina trala disputa este fin de semana das xornadas 5 e 6 da competición agrupadas na Terceira Sede, que se desenvolveron no Pazo dos Deportes de Riazor na Coruña. Tanto Lóstregos Feminino, líder provisional pola diferenza de goles, coma o CHL Meigas, solventaron os seus dous encontros con claridade, con marcadores contundentes e demostrando que, polo momento, están a un nivel superior aos das súas rivais. Hai que subliñar tamén o partido que xogaban A Guarda HL e CPL Brigantium de Arteixo na loita que manteñen pola terceira praza, pero as do sur de Pontevedra tampouco estiveron atinadas e cederon por un avultado marcador.
Coincidindo con esta Terceira Sede Feminina, que tiña como anfitrión e organizador ao ADC Alquimia InLine, tamén se levaron a cabo as xornadas 5 e 6 da categoría Infantil, onde os conxuntos lugueses continúan co seu dominio, polo que tanto Olimpio XXI Lóstregos como Meiguiñas seguen á fronte da clasificación provisional contando os seus catro partidos por vitorias. Aquí si houbo menos diferenza de goles nos encontros disputados, polo que non se desbota que en vindeiras xornadas os líderes podan levar algún susto en caso de empate ou derrota, algo que ata o momento non se deu.
Como sempre, as magníficas instalacións de Riazor acolleron unha nova sede que contou cos afeccionados dos equipos animando durante unha ampla xornada de Hóckey Liña, que se desenvolveu ao longo de doce horas este domingo na polideportiva coruñesa. O Hóckey Liña regresará este domingo, 12 de marzo, coa Terceira Sede da categoría Benxamín en Lugo.
[Fotos: Paco López]