A primeira das en principio tres xornadas de Tecnificación de Hóckey Liña previstas para a tempada 2018-2019 celebrouse este sábado no pavillón municipal de Ribadeo coa colaboración do clube local Illa Pancha e tamén do propio Concello de Ribadeo, poñendo ambos todos os medios posibles a disposición do Comité de Hóckey Liña da Federación Galega de Patinaxe.
Case 80 xogadores e xogadoras das categorías Benxamín, Alevín e Infantil puideron gozar dunha intensa xornada na que aproveitaron os coñecementos impartidos por Javier Bermúdez, Óscar Manuel Romay, Silvia González e José Luis Costa, os técnicos designados para dirixir a mesma. Na seguinte quenda o grupo que se convocará será máis reducido, de cara a ir marcando as pautas para os Campionatos de Tecnificación de Seleccións Autonómicas en xuño de 2019, que se celebrarán en Galicia.
#eupatino