No complexo deportivo de Elviña na Coruña disputouse este pasado fin de semana (4-5 de febreiro) o Campionato Galego Indoor de Patinaxe de Velocidade, que se dividiu en dúas xornadas, unha primeira o sábado pola tarde e a segunda o domingo pola mañá. Un total de 64 deportistas (32 nas categorías femininas e outros tantos nas masculinas), participaron nas probas previstas, das que podedes consultar os resultados finais no documento adxunto. Contouse coa presenza de patinadores dos catro clubs galegos: SCD Rabadeira, Sada Patín, ADC Alquimia e Freestyle Vigo, ademais de Jorge Castro Vilariño do Pilar-Marianistas de Vitoria-Gastéiz, pero participando como convidado e sen opción a medalla na súa categoría Senior Masculina.
A próxima cita de carácter autonómico será os días 11 e 12 de marzo coa celebración do Campionato Galego en Pista en Sada (A Coruña).