O pasado sábado, 19 de novembro, o pavillón do Campus Universitario de Ourense acollía pola mañá a celebración da segunda edición da Copa Deputación, unha competición de patinaxe artística que ía destinada aos patinadores e patinadoras de dous clubes provinciais, Fénix e CD Ourela, sendo este tamén o organizador do evento. Na mesma participaron deportistas de todas as fases de niveis, dende pre-nivel ata o nivel 6, contando con un total de 43 participantes que desfrutaron da modalidade de patinaxe libre, que pouco a pouco vai collendo pulo na provincia. No documento adxunto podedes atopar as clasificacións desta II Copa Deputación de Ourense.
Xa pola tarde, pero neste caso no Pazo de Deportes Paco Paz de Ourense, o CD Ourela levaba a cabo a Gala de Campións Galegos 2016 na que, a pesar de contar con certas ausencias de algúns deportistas por estar disputando outra proba fóra de Galicia, supuxo un merecido recoñecemento a todos aqueles que lograron os títulos das súas respectivas categorías, facendo os que acudiron unha exhibición que serviu para poñer case o punto e final da tempada 2016, a falta da derradeira Fase de Niveis que se celebrará o vindeiro fin de semana.
[Fotos: CD Ourela]