Xa están publicadas as bases para participar na segunda edición da Copa Federación Nen@s de Hóckey Liña, unha competición que se volverá disputar con notables cambios, no que quere ser unha clara vocación de promoción da disciplina e que se desenvolverá en dúas fases. Nunha primeira xogarase en formato de sede e dependendo do número de equipos inscritos, poderán dividirse en grupos desde un ata catro, que disputarán unha liguilla de todos contra todos, saíndo de aquí catro clasificados. Este grupos quedarán compostos en formato serpentín, atendendo á clasificación da edición do ano pasado da Copa Federación Nen@s. Nunha segunda, xa con formato de eliminatoria directa, a sede será única disputando na mesma xornada semifinais e final.
As datas que se establecen son a do 19 de marzo para a primeira, nunha sede aínda por asignar, e o 2 de abril para a segunda e definitiva, esta no pavillón de Vite de Santiago de Compostela (A Coruña).