Esta tempada e segundo o que se acordou antes de comezar as respectivas ligas regulares das competicións autonómicas de hóckey a patíns, serán varias as categorías que unha vez finalizadas deberán disputar unha Final a 4 entre os catros primeiros clasificados de cada unha delas, cun formato de enfrontamentos de todos contra todos ao longo do fin de semana, o que outorgará as prazas para as respectivas fases de sector.
Además da Junior que se disputa este fin de semana, as categorías Senior, Xuvenil, Infantil e Alevín tamén contarán coas súas respectivas Finais a 4, que se xogarán no mes de abril segundo as seguintes datas e sedes:
2 e 3 de abril: Infantil no pavillón de Compañía de María, A Coruña.
9 e 10 de abril: Alevín no pavillón de Monte Alto, A Coruña.
9 e 10 de abril: Xuvenil no pavillón de Monte Alto, A Coruña.
16 e 17 de abril: Senior no pavillón Carballo Calero de Carballo (A Coruña).
O devandito sistema xa se probou a pasada tempada na categoría Senior, con notable éxito pola competitividade e emoción que se viviu no pavillón Castelao I de Ordes (A Coruña), onde terá lugar a primeira delas este fin de semana, a correspondente á categoría Junior, que foi a primeira en finalizar a súa liga regular tras 20 xornadas de competición. Os catro equipos clasificados para a mesma son o Club A.A. Dominicos como líder e campión da fase regular, Club Compañía de María, A.C. Órdenes e H.C. Raxoi, que se xogarán tres prazas para disputar a fase de sector xunto a outros tres conxuntos do Principado de Asturias, que tamén se celebrará no pavillón ordense do 25 ao 27 de marzo.
No que respecta á Final a 4 da categoría Junior que durante os días 12 e 13 de marzo se disputará en Ordes coa organización da Federación Galega de Patinaxe, estes son os horarios e o calendario da competición, que se rexerá polas bases do ente autonómico.
CALENDARIO
Sábado, 12 de marzo de 2016
1ª xornada
17:30 | CLUB A.A. DOMINICOS – H.C. RAXOI
19:15 | CLUB COMPAÑÍA DE MARÍA – A.C. ÓRDENES
Domingo, 13 de marzo de 2016
2ª xornada
10:30 | CLUB A.A. DOMINICOS – AC ÓRDENES
12:15 | CLUB COMPAÑÍA DE MARÍA – H.C. RAXOI
3ª xornada
17:30 | A.C. ÓRDENES – H.C. RAXOI
19:15 | CLUB A.A. DOMINICOS – CLUB COMPAÑÍA DE MARÍA
Ademais, os partidos da xornada do domingo serán retransmitidos en directo pola páxina web www.hockeyglobal.net, accedendo a eles na ligazón “partidos en directo”, para o que é necesario ter instalado o Windows Media Player ou un programa compatible no caso de contar con outro sistema operativo.
Os resultados da competición poderanse seguir na páxina web da Federación Galega de Patinaxe (www.fgpatinaje.com), no seu Twitter (@FGPatinaxe) e no seu Facebook (www.facebook.com/fgpatinaxe).