Durante tres xornadas, do venres 7 de setembro ata o domingo 9, celebrouse no pavillón de Vite de Santiago de Compostela (A Coruña) e organizado polo HC Raxoi a segunda edición do Torneo Internacional Cidade de Santiago de Hóckey a Patíns, no que estiveron presentes as seleccións galegas masculina e feminina, que disputaron sendos encontros contra o equipo anfitrión, e no que tamén se contou coa presenza dos portugueses Grupo Desportivo C. Fânzeres e Escola Desportiva de Viana e os galegos do Club Compañía de María, HC Cambre, Diver Patín e HC As Pontes.
A competición estivo dividida por categorías desde Micro, Prebenxamín, Benxamín, Alevín, Infantil e Xuvenil con grupos de tres equipos nas tres primeiras que disputaron unha liga a unha volta e de catro nos restantes, que xogaron semifinais e finais, sendo os campións ED de Viana en Prebenxamín e Benxamín, GDC Fânzeres en Alevín e Xuvenil e HC Raxoi “A” en Infantil.
No que atinxe ás seleccións galegas, a feminina Sub18 derrotaba ao HC Raxoi no derradeiro partido da xornada do venres por 0-3 e a masculina Sub16 vencía tamén aos locais do HC Raxoi por 1-3 no encontro que pechaba a sesión do sábado.
#eupatino