Houbo que agardar ata a derradeira e terceira xornada da Final a 4, que se estivo celebrando onte sábado 31 de marzo e hoxe domingo 1 de abril no pazo dos deportes de Riazor de A Coruña, para coñecer ao campión galego da categoría Senior Masculino de Hóckey sobre Patíns.
Os resultados das dúas primeiras xornadas quixeron que se chegara á derradeira con Club AA Dominicos e CH Compostela “A” disputándose a terceira praza e o HC Liceo e Club Compañía de María “A” loitando polo título galego e a praza para a fase de ascenso a Primeira División Nacional, que tamén se disputará en Riazor os días 28 e 29 de abril.
No partido que iniciaba a derradeira xornada, o CH Compostela “A” derrotaba a Club AA Dominicos logo de remontar un resultado adverso durante case todo o encontro, levándose así os de Santiago de Compostela a terceira posición e a medallas de bronce. No que podía considerarse como a gran final, a pesar de xogar polo sistema de competición de liga de todos contra todos, o HC Liceo levou a iniciativa desde o principio ante Club Compañía de María “A”, pero estes nunca se foron do partido a pesar de ter que ir remontando cada vez que os liceístas se poñían por diante no marcador. Finalmente, tras uns minutos finais cheos de emoción, o HC Liceo conseguía o título de campión galego ante un magnífico ambiente en Riazor, con medio milleiro de afeccionados na grada, polo que disputarán a fase de ascenso.
#eupatino