O comité técnico de skateboarding da Federación Galega de Patinaxe presentou o programa de tecnificación de dita modalidade.
O programa, ademais de presentar o logo específico da Selección Galega de Skateboarding (con deseño de Eva Figueira Iglesias), ten como obxectivo preparar a un equipo formado polos mellores deportistas galegos da disciplina. Os deportistas seleccionados adestrarán e competirán a un alto nivel e representarán a Galicia en competicións nacionais e internacionais.
A selección basearase nas habilidades técnicas, actitude e dedicación dos deportistas, promovendo os valores do skateboard, os valores deportivos e contribuíndo ao crecemento da comunidade local, xa que a modalidade experimentou un crecemento significativo en popularidade e recoñecemento. Tamén se valorará a experiencia en competicións anteriores.
O procedemento levarase a cabo polo staff técnico formado por:
- Primeiro Adestrador – Iván Maroño Martínez:
Adestrador de Julia Benedetti (actual campioa do circuito español e representante nas as Olimpíadas de Tokio 2020/2021) e Xuíz Nacional de Skate.
- Segundo Adestrador – Iván Rodríguez Marques:
Responsable de xuíces da FGP e Xuíz Nacional de Skate.
- Terceira Adestradora – Eva Figueira Iglesias:
Monitora de Skate e diseñadora.
- Delegado – Antonio Escudero Feijoo:
Co-fundador da primeira escola de skate e deportes urbanos en Pontevedra, Urban Culture Factory (skatepark indoor).
Os grupos que se seleccionarán para a tecnificación e preparación a nivel nacional serán das categorías sub-15 e sub-18, así como un grupo de preselección para formar a rapaces desde a base nas categorías sub-7, sub-10 e sub-12.
Por último, cabe destacar que a selección galega de skateboarding será un reflexo fiel dos principios de transparencia e equidade para fomentar un ambiente deportivo xusto e de calidade.