Arredor dunhas 40 persoas, entre as que se atopaban unha treintena de rapaces e rapazas do As Pontes HC, estivo hoxe domingo no partido da xornada 13 da OK Liga entre o HC Liceo e o CP Vic que rematou coa vitoria do líder da competición, o equipo galego dirixido por Juan Copa. Os representantes do club eumés, cunha escola creada a finais de 2015, foron invitados polo HC Liceo a desfrutar do encontro e podendo realizar antes de iniciarse o mesmo unha fotografía cos xogadores do conxunto liceísta.
A Federación Galega de Patinaxe vai asinar proximamente un convenio de colaboración co HC Liceo para que, en cada partido da OK Liga ou ben de competición europea que xogue no Pazo de Deportes de Riazor de A Coruña, un club adscrito á FGP poda disfrutar de 50 entradas de balde para presenciar dito encontro, buscando así que todos os clubes teñan a oportunidade de levar aos seus rapaces e rapazas a un partido do conxunto coruñés para fomentar o Hóckey sobre Patíns. A idea que se baralla é que teña carácter rotativo, tendo a intención de comezar no mes de xaneiro.
#eupatino