O Palacio dos Deportes de Riazor da Coruña acollerá durante os próximos nove días, a partir de mañá, a edición número 53 do Campionato de Europa Masculino de Hóckey Patíns, que por primeira vez se celebrará en Galicia coa participación de once seleccións nacionais divididas en dous grupos para disputar a fase previa, que concluirá o xoves 19 de xullo. Ao día seguinte, venres 20, xogaranse os cuartos de final e o sábado 21 as semifinais mentres o domingo 22 será a final e o partido polo terceiro e cuarto posto. En ambas xornadas tamén se disputarán os encontros que definirán o resto de posicións ao término da competición, polo que en total serán 40 partidos os que se celebrarán desde o sábado 14 de xullo ata o domingo 22 de xullo, cando finalizará o campionato coa cerimonia de clausura, a entrega de medallas e o trofeo ao campión.
A cerimonia de apertura, que comezará mañá sábado 14 de xullo ás 19:00 horas, contará coa participación das patinadoras e patinadores do C. P. A. Maxia de Patinaxe Artística, que realizarán a presentación das once seleccións nacionais cunha coreografía exclusiva de cada país ao que representan.
#eurohockey2018 #OKEuroM #OKCoruna #OKEuro2018 #ACoruña #eupatino