Despois dos partidos das diversas categorías disputados a pasada fin de semana, onde o máis destacado foron as dúas vitorias de A Guarda H. L. na Sénior Masculina, que os consolida na terceira praza da clasificación provisional, e o derbi na Benxamín entre Mini Meigas e Peque Lóstregos, resolto a favor dos visitantes por 4-9 deixando así a estes como único equipo invicto da categoría, nos próximos días volverá haber varios encontros sen formato de sede.
O xoves 21 de febreiro teremos un interesante Lóstregos-Meiguiñas de Alevín no pavillón Daniel Cordido Castro de Lugo, o que podería mudar a clasificación pois os visitantes contan coa posibilidade de situarse primeiros, praza que ata agora ocupan os locais que son os únicos que aínda non perderon ningún partido. Tamén na cidade luguesa se disputarán o domingo 24 varios partidos da categoría Benxamín mentres na Coruña, primeiro o sábado 23 en Monte Alto e na pista do Agra 1, e tamén o domingo en Riazor, están programados diversos encontros das categorías Sénior Masculina e Feminina, Benxamín e Alevín.
Horarios, resultados e clasificacións
[Fotos: Lóstregos Lucus]
#eupatino