A modalidade da Patinaxe Artística convertíase en indudable protagonista da 11ª Gala do Deporte do Concello de Ames, que se celebraba na noite do venres (10 de febreiro) no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, sendo apadriñada por Alberto Corbacho, xogador de baloncesto do Obradoiro CAB, e presentada por Terio Carrera e Diego Viaño.
Dos catros premios concedidos á Patinaxe Artística, Nadia Iglesias de Salvador que compite co clube coruñés do CPA Maxia, conseguía o de mellor deportista feminina do concello da provincia da Coruña, que lle era entregado por Javier Rico (Xerente da Fundación Deporte Galego) así como o premio especial do público, que lle daba José Miñones (alcalde de Ames), grazas a unha votación que se fixo na páxina web do ente municipal, e á que tamén optaban Borja Golán (Squash), Fernando Seoane (Fútbol) e Moncho Mirás (Boxeo). Nadia agradecía o apoio recibido pola súa familia, o seu clube e a Federación Galega de Patinaxe para acadar este galardón.
Ademais a entidade deportiva do CPA Omega recibía o premio ó mellor clube do concello mentres que a súa patinadora artística, Martina Bretaña, acadaba o de mellor promesa feminina.