Despois de non poucas tentativas, por fin se consegue iniciar este domingo 27 de xaneiro a Liga Galega de Roller Derby que terá a súa primeira xornada no pavillón de Candeán de Vigo (Pontevedra) con dous partidos sumamente interesantes no estreo da competición.
As anfitrionas, Roller Derby Vigo Sereas Bravas xogará o partido inaugural desde as 17:00 horas contra Jabatas de Ourense, que terá o apoio dunha xogadora de Lugo e un xogador do Lobishomes mentres que o equipo local tamén se verá reforzado por integrantes de Negra Sombra e de Lobishomes. De seguido, a partir das 19:00, chegará o derbi do norte entre os dous equipos coruñeses con Roller Derby Coruña Irmandiñas, que recibe o apoio de Lobishomes e Lobas de Morgana, enfrentándose a As Brigantias Roller Derby. A entrada é de balde, así que estades todos invitados a vivir en directo o estreo oficial da Liga Galega.
As cesións dos equipos ourensáns de Lobas de Morgana e Lobishomes farán posible a posta en marcha desta novedosa competición que terá continuidade próximamente en Santiago de Compostela (A Coruña) coa segunda xornada.
#eupatino