Nunha emocionante e disputada xornada, tiveron lugar no pavillón Daniel Cordido Castro de Lugo o pasado domingo, 25 de xuño, os derradeiros partidos da tempada 2016-2017 das ligas autonómicas de Hóckey Liña, sendo esta vez a quenda das categorías Infantil e Benxamín, que nos deixaban como campións a dous equipos locais, o Lóstregos Norte na primeira delas certificando así o seu dominio da liga regular, e o Feiticeiras na dos máis cativos, ao sorprender na final ao Lóstregos Kids, que rematara a fase regular sen perder ningún encontro.
As dúas semifinais de Infantil resolvéronse con marcadores axustados, co único equipo que non era de Lugo, A Guarda HL, dando moito traballo a Lóstregos Norte mentres que na outra Olimpo XXI Lóstregos derrotaba a Meiguiñas por un só tanto de diferenza. A final, entre os dous conxuntos do Lóstregos, mostraba a superioridade do campión ante Olimpo XXI.
No que atinxe á categoría Benxamín, as semifinais decantáronse con tanteos máis claros para Lóstregos Kids e Feiticeiras, que batían respectivamente a Mini Meigas e Peque Lóstregos. Como sucedera na Final a 4 Feminina da semana anterior, a sorpresa viña pola banda de Feiticeiras, que foron quen de superar a Lóstregos Kids, aínda que nestes casos o máis importante para todos os rapaces e rapazas que competiron durante a temporada é a unión entre eles, así como poder desenvolver unha actividade física mostrando sempre os valores de bo comportamento e deportividade, como se puido reflictir ao longo de todos os partidos disputados.
Óscar Manuel Romay, responsable do comité de Hóckey Liña da FGP, e Laura Cernadas, campioa do mundo Junior, foron os encargados de entregar os trofeos aos campións e as medallas a todos os participantes.
[Fotos: Paco López]