Na xornada deste domingo, coincidindo coa disputa da Final a 4 Infantil de Hóckey sobre Patíns, a Federación Galega de Patinaxe organizaba tamén no pavillón de Vite de Santiago de Compostela a Segunda Fase da Copa Federación Infantil de Hóckey Liña. E foi unha festa para todos, pero os que máis disfrutaron foron os rapaces e rapazas dos catro equipos.
As semifinais disputáronse pola mañá e na primeira delas, Lóstregos HóckeySale desfacíase con claridade de Meiguiñas por un cómodo 7-2. Máis axustada estivo a segunda, celebrada a última hora da matinal, onde A Guarda HL mantivo as súas opcións ata os derradeiros minutos para rematar caendo ante Lóstregos Olimpio XXI.
Os dous equipos de Lugo, atendendo a súa condición de favoritos, xogaron a final pola tarde coa grada de Vite practicamente chea. Venceron os de Lóstregos HóckeySale, tras remontar un marcador adverso nos derradeiros dez minutos, pasando do 3-4 ao 6-4 definitivo. A pesar da derrota do Lóstregos Olimpio XXI, ambos os dous equipos remataron satisfeitos dentro do gran ambiente que se vive nesta modalidade, caracterizada pola súa exquisita deportividade.
Entregaron as medallas e o trofeo de campión Noa Morales (Concelleira de Deportes co Concello de Santiago de Compostela), Pilar Losada (Presidenta do CH Compostela), Juan Copa (Director Técnico da FGP de Hóckey sobre Patíns) e Óscar Romay (Presidente do Comité Galego de Hóckey Liña da FGP).