Lóstregos HóckeySale de Lugo como campión do Grupo A e A Guarda HL e Lóstregos Olimpo XXI tamén de Lugo, á súa vez campións dos Grupos B e C respectivamente, clasificáronse este domingo para a Segunda Fase da Copa Federación Infantil de Hóckey Liña que se disputou na Coruña, no pavillóns de Riazor e Agra 1 cun gran ambiente nos dous escenarios. A estes tres conxuntos, acompañaraos o Meiguiñas de Lugo como o segundo mellor clasificado dos tres grupos, aínda sendo Morcegos Hóckey Liña os que contaban con máis puntos, ao sumar seis polos tres do conxunto lugués e do Vigo Blue Ringed. Pero ao estar os ourensáns nun grupo de catro, a normativa da competición indicaba que se lle restaría o encontro co derradeiro clasificado do seu grupo, polo que a diferenza de goles foi favorable a Meiguiñas en detrimento dos outros dous conxuntos.
Dos catro, destacou a firmeza do Lóstregos HóckeySale, que foi o único que mantivo a súa portaría sen encaixar ningún tanto, aínda que pola contra non acabou como máximo goleador, sendo os segundos do seu grupo, Morcegos HóckeyLiña, os máximos realizadores con 27 tantos.
A Segunda Fase, con formato de semifinais, cos enfrontamentos Lóstregos HóckeySale-Meiguiñas e A Guarda HL-Lóstregos Olimpo XXI, e final, desenvolverase o 2 de abril en Santiago de Compostela, nunha pista aínda por determinar.
[Fotos: Paco López e Óscar Romay]