O Pazo dos Deportes de Riazor da Coruña acollía este domingo 13 de xaneiro a Segunda Sede da Liga Galega Alevín de Hóckey Liña organizada polo A. D. C. Alquimia Inline. Nos partidos disputados pola mañá, correspondentes á xornada 3, tanto Lóstregos como Morcegos solventaban os seus compromisos con comodidade agardando o encontro que enfrentaba a ambos os dous pola tarde na cuarta xornada da competición autonómica.
O empate de lugueses e ourensáns mantén aos dous equipos cos mesmos puntos tras catro xornadas, pero cos de Lugo na primeira praza provisional pola diferenza de goles a favor e en contra. Non quere perder corda Meiguiñas, que trata de manter o ritmo dos dous de cabeza a un só punto e cunha única derrota ata o momento, tras solventar con comodidade os seus dous partidos disputados en Riazor.
A quinta xornada non se disputará en formato de sede, como vén sendo habitual, polo que haberá un encontro o 23 de febreiro entre Alquimia Inline e Galicia Rollers mentres Vigo Blue Ringed contra Morcegos e Lóstregos e Meiguiñas, nun interesante duelo local, afrontarán os seus respectivos encontros o 3 de marzo.
Ademais, a xornada do domingo pechábase en Riazor cun partido da Liga Galega Sénior Masculina onde Morcegos derrotaba a Alquimia, nun intento dos ourensáns de chegar á cuarta praza que daría o pase á Final a 4.
[Fotos: C. P. Lóstregos]
#eupatino