Comezou este domingo 11 de novembro a fase regular da Liga Galega Alevín de Hóckey Liña coa celebración da Primeira Sede no pavillón Daniel Cordido Castro de Lugo e, en consecuencia, xogando as dúas primeiras xornadas da competición con tres partidos en cada unha delas. Lóstregos, que ademais era o organizador da mesma, iniciou a mesma impoñendo un forte ritmo con dúas cómodas vitorias mentres no resto de encontros houbo algo máis de igualdade.
Morcegos de Ourense tamén gañou os dous partidos disputados, polo que comparte o liderato cos de Lugo, seguidos ambos por Meiguiñas e Vigo Blue Ringed, os dous cunha vitoria e unha derrota. Pechan a clasificación Galicia Rollers e Alquimia, que aínda no foron quen de sumar punto algún.
A Segunda Sede disputarase xa o ano que vén, concretamente o 13 de xaneiro nun emprazamento que se comunicará proximamente.
Empate entre Brigantium e A Guarda HL na Liga Senior Feminina
Ademais, en concreto o sábado 10 de novembro, o pavillón Agra 1 da Coruña acollía o segundo encontro da primeira xornada da Liga Senior Feminina que remataba cun resultado de 2-2 entre Brigantium e A Guarda HL, polo que se dá por rematada esta xornada inicial. A segunda está prevista para o 25 de novembro cos partidos A Guarda HL-Lóstregos Feminino e ADC Alquimia Inline-CHL Meigas.
[Fotos: Lóstregos HL]
#eupatino