O Hóckey Liña tivo dobre ración este domingo 13 de maio no pavillón vigués de Bouzas onde, por unha banda, se disputaba a fase final da Copa Federación Cativos, e por outra, a derradeira sede e tamén a derradeira xornada da Liga Galega Infantil.
Nas semifinais da Copa Cativos, celebradas pola mañá, o Lóstregos impoñíase a Galicia Rollers Negro por un claro 2-7 mentres que na outra o clube local Vigo Blue Ringed, que ademais era o organizador da mesma, daba a baladada e superaba a Club Hóckey Meigas por 4-2. Xa na final, que se xogou pola tarde, o Lóstregos non tivo problemas para lograr o título derrotando aos vigueses por 1-5.
No que atinxe á Liga Galega Infantil, o Lóstregos Norte remata a fase regular como primeiro clasificado seguido por Club Hóckey Feminino Meigas e Lóstregos Sur mentres que A Guarda HL, organizador desta Cuarta Sede, conseguía acceder á Final a 4 logo de derrotar a Galicia Rollers, o que deixaba fóra a Trasnos por unha diferenza de tan só dous tantos.
Lóstregos Feminino remata primeiro a fase regular da Liga Galega Feminina
Tamén o pasado venres 11 de maio se celebraba o derradeiro encontro da Liga Galega Feminina correspondente á xornada 6 e co que remataba a fase regular da competición. Lóstregos Feminino vencía na pista de Club Hóckey Feminino Meigas por 0-1, polo que finaliza como líder con seis vitorias nos seis encontros disputados. A continuación clasificábase Meigas con Brigantium e ADC Alquimia Inline, que decidirán o título galego na Final a 4 da categoría que disputará o vindeiro domingo (20 de maio) en Ourense coincidindo coa Benxamín.
#eupatino