Nota de prensa remitida polo Concello de Vigo sobre o I Trofeo Internacional de Grupos Show celebrado o pasado sábado no pavillón de As Travesas.
O I Trofeo Internacional Concello de Vigo de Grupos Show, unha aposta do concelleiro de Deportes, Manel Fernández, para dar maior contido á patinaxe artística local, modalidade estrela do programa de escolas deportivas, coroou ao Club CARPA-Grupo Viqueira vigués (gañou en grupos grandes e cuartetos), ao C.P.A. Ribex tudense na categoría promocional, ao C.P.A. Gondomar en grupos show pequenos e ao Campus Stellae santiagués en xuvenís.
O mal tempo non restou afluencia nin participación e a presenza de clubes doutras comunidades autónomas deulle un plus de competitividade á proba, organizada polo Club PatínVagalume. O club vigués que preside Miguel Quereizaeta non só traballou arreo a nivel organizativo: na competición o Vagalume asinou un podio en categoría xuvenil cun magnífico terceiro posto. Ademais, outro club vigués, o Valladares, acadou a terceira praza en grupos grandes.
Vestiarios coloridos, outros xogando con negro e branco, algún arriscado, coletas voadoras, músicas atrevidas para as coreografías… As Travesas soou a piano, a heavy, a Beethoven, a The Piano Guys, 2Cellos, David Guetta, a composicións para cine ou televisión pero, sobre todo, aos aplausos dun público envorcado cunha das modalidades máis belas e visuais que na cidade se practican.
Cuns 2.000 espectadores de media ao longo das ¡oito horas! de exhibicións -con picos de 2.200 espectadores-, o Central viviu unha apaixonada xornada que comezou cos grupos promocionais. Precisamente eles foron a representación máis numerosa de cantas categorías estaban en xogo.
Ata cinco gañadores conquistaron o trofeo vigués, aínda que as patinadoras do Gondomar foron quen de levarse a meirande ovación da xornada coa modalidade de grupo pequenos. A dez minutos das oito do serán, o seu programa saía en cuarto lugar co Alquimia liderando a clasificación con 44,4 puntos e unha posta en escena excelente. Pero as gondomareñas saíronse. Ademais, o seu triunfo foi dobremente meritorio. Tiveron que voltar a patinar por un parón na música rapidamente resolto… e bordárono.
A súa coreografía, programa titulado «A miña realidade», apropiouse da pista con composicións de Giuliano Taviani para empezar e de Max Richter para rematar. Tanto as tres puntuacións do contido do programa como as de valoración da presentación artística, movéronse entre os 9,0 e os 9,5 puntos. En total, 55,1. Faltaban cinco agrupacións por saír pero o primeiro posto se ía ao Val Miñor. Patinaxe apaixoada aderezada con intensa interpretación xestual. A única oportunidade en que o pavillón veuse abaixo de xeito atronador. As campioas de Galicia, título conquistado o pasado xaneiro no mesmo escenario, volvían tomar As Travesas. E non lles estrane: as pupilas de David Figueroa son quintas de España e o seu percorrido non conclúe aquí.
E en categoría xuvenil, o Campus Stellae, con «Foses ti», sumaba 48,50 puntos, completando o podio Patín Condado (46,1 puntos) e o local Vagalume Celtamotor (43,0).
A maratoniana sesión de patinaxe artística, que concluíu de madrugada, pechouse cos grupos show grandes e os cuartetos, categoría esta que contou coa participación portuguesa. O Carpa Grupo Viqueira conquistou os dous títulos: en grupos grandes, co seu programa «Náufragos en terra», que sumou 50,20 puntos; en cuartetos, co seu programa «Paixón Gotan», que sumou 51,10 puntos nun concurso enormemente rifado e co podio compartido por dúas agrupacións lusas.
CLASIFICACIÓNS: Grupos Grandes – Grupos Pequenos – Cuartetos – Grupos Xuvenís – Grupos Promocionais
[Foto: Concello de Vigo]