PROTOCOLO SINISTRO ASISA
APP FGP
ELECCIONES FGP 2022
ELECCIONES FEDERACIÓN GALEGA DE PATINAXE

Sep 18

Modificación das medidas da volta á normalidade nos deportes con contacto

A Xunta de Galicia flexibiliza as medidas da volta á normalidade nos deportes de contacto a través da ORDE do 17 de setembro de 2020 publicada no Diario Oficial de Galicia sobre modificación de determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

 

 

Mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, adoptáronse medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Conforme o punto sexto do dito acordo, as medidas preventivas previstas nel deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Neste sentido, mediante sucesivos acordos do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de xuño, e do 17, do 23 e do 30 de xullo, introducíronse determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias.

Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

Deste modo, mediante ordes da Consellería de Sanidade, do 12, do 15, do 25, do 27 e do 28 de agosto e do 9 e 10 de setembro de 2020, introducíronse determinadas modificacións no anexo.

O deporte galego leva preparándose no seu conxunto varios meses para responder como sistema intelixente e facer fronte coas debidas garantías aos riscos derivados da crise causada polo COVID-19.  Así, a través da Resolución do 15 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, aprobouse o Protocolo Fisicovid-DxTgalego polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 no ámbito do deporte federado de Galicia.

Conforme o disposto na dita resolución o protocolo aprobado por ela debe ser tido en conta polas federacións deportivas galegas ao elaboraren os seus respectivos protocolos.

A través de grupos de traballo coas 58 federacións deportivas galegas, constituídos segundo similitudes da práctica deportiva para favorecer a súa complementación á hora de identificar potenciais situacións de risco de contaxio e determinar as medidas máis eficaces e eficientes de acordo cos contextos concretos en que se desenvolve a práctica deportiva en cada caso, desenvolvéronse os protocolos propios para cada unha delas co obxecto de adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición a eses riscos, para que a práctica do deporte segundo o establecido nos protocolos de referencia sexa unha práctica segura.

Tendo en conta o anterior, procede modificar a epígrafe do anexo do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, relativo á práctica da actividade deportiva federada de competencia autonómica, co fin de remitir ás regras que recollan estes protocolos das federacións deportivas galegas, en que, para cada caso e atendidas as propias condicións de cada actividade deportiva concreta, deberán recollerse as condicións para a realización de adestramentos e para a celebración de competicións, deberán identificarse as situacións potenciais de contaxio, atendendo ás vías recoñecidas polas autoridades sanitarias, e establecerse as medidas de tratamento de risco de contaxio adaptadas á casuística.

En atención ao exposto, escoitado o Comité Clínico de Expertos, de acordo co disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na redacción vixente dada polo Acordo do Consello da Xunta do 30 de xullo de 2020, e na condición de autoridade sanitaria conforme o previsto no artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade

O número 3.21 do anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, queda modificado como segue:

«3.21. Práctica da actividade deportiva federada de competencia autonómica.

1. A práctica da actividade deportiva federada de competencia autonómica poderá realizarse de forma individual ou colectiva, de conformidade cos protocolos de que deben dispoñer as federacións deportivas galegas, segundo o modelo do Protocolo Fisicovid-DxTgalego polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 no ámbito do deporte federado de Galicia, aprobado pola Resolución da Secretaría Xeral para o Deporte do 15 de xuño de 2020, os cales deberán ser aprobados mediante resolución da Secretaría Xeral para o Deporte.

Nestes protocolos recolleranse as condicións para a realización de adestramentos e para a celebración de competicións, deberán identificarse as situacións potenciais de contaxio, atendendo ás vías recoñecidas polas autoridades sanitarias, e establecerse as medidas de tratamento de risco de contaxio adaptadas á casuística.

O dito protocolo será de obrigada observancia para o conxunto dos estamentos federativos e deberá publicarse na páxina web da federación deportiva.

No caso de realizarse a actividade en instalacións deportivas, a práctica axustarase ademais aos termos establecidos para estas.

2. Sempre que sexa posible, durante a práctica da actividade deportiva federada de competencia autonómica deberá manterse a distancia de seguridade interpersoal. Na realización de adestramentos e na celebración de competicións dentro da actividade deportiva federada de competencia autonómica, aplicarase, respecto ao uso da máscara, o recollido especificamente no protocolo das federacións deportivas respectivas aprobado pola Secretaría Xeral para o Deporte. En todo caso, no dito protocolo deberá preverse que cando a actividade deportiva supoña contacto físico entre as persoas que a practican deberá utilizarse a máscara, salvo que no protocolo respectivo se inclúan medidas alternativas de protección específicas.

Segundo. Eficacia

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Oficinas y Sede Social
Praza de Agustín Díaz, nº 3
15008 - A Coruña
Redes Sociales
Página Web | www.fgpatinaxe.gal
Facebook y Twitter | FGPatinaxe
Datos de Contacto
Email General | secretaria@fgpatinaxe.gal
Tfno | 981 130 994 - Fax | 981 134 183
Copyrights © All Rights Reserved FEDERACIÓN GALEGA DE PATINAXE AVISO LEGAL