O pasado domingo celebrouse en Salvaterra do Miño o exame para obter a titulación de Xuíz Autonómico para grupos show e cuartetos da FGP.
O exame constou de dúas partes: unha teórica, na que os candidatos debían demostrar o seu dominio dos conceptos estudados, e unha práctica, que consistiu na avaliación de tres vídeos de grupos show e cuartetos por parte dos aspirantes.
Inscribíronse 9 candidatos ao curso, sendo requisito imprescindible contar cunha licenza de xuíz outorgada pola FGP. Os asistentes xa eran xuíces de iniciación e/ou autonómicos noutras modalidades.
O curso incluíu unha sesión didáctica de 8 horas o 12 de maio, onde se explicou o contido das notas técnicas e compoñentes dos grupos e cuartetos dende unha perspectiva práctica. Ademais, realizouse un obradoiro de máis de 4 horas o 16 de xuño, no que os candidatos tiveron que resolver varios programas da modalidade como preparación para o exame práctico.
O curso culminou o día 30 de xuño coa realización do exame. Tanto o curso como o exame foron titorizados polo xuíz internacional Mario Calzas. Dende a FGP queremos agradecer ao CPA Condado por facilitarnos a sala para a celebración do exame, e especialmente a Eduardo Caride por proporcionar todos os medios necesarios para levar a cabo o exame con éxito no Centro Cultural de Salvaterra.
Proximamente, coñeceranse os resultados do exame. Dende a FGP esperamos contar con novos xuíces nesta modalidade e que pronto comecen a adquirir experiencia nos campionatos oficiais de Show e Cuarteto en Galicia.