Palacio dos Deportes de Riazor – A Coruña | 16 de xullo de 2018
O terceiro día do 53 Campionato de Europa Masculino de Hóckey Patíns supoñía o estreo de Francia na competición, pois ata o momento non disputara ningún partido. Pero antes, o que abría a xornada era o Bélxica-Alemaña do grupo B, onde os belgas volvían levarse un duro correctivo ao ceder por 0-15. A continuación Francia, que era a derradeira en entrar en escena do grupo A, derrotaba a unha seria Andorra, que malia todo cedía 6-0.
Logo do visto o sábado ante España, parecía que Inglaterra sería un fácil rival para Italia, pero aos transalpinos custoulles entrar no partido ata acabar decantando o encontro ao seu favor por un marcador final de 9-4, con dous tantos case consecutivos dos ingleses nos últimos minutos.
Para o final da xornada restaban os partidos de España e Portugal. No que atinxe aos de Alejandro Domínguez, cómoda vitoria ante Holanda cun recital ofensivo similar ao do primeiro día contra Inglaterra e tendo na portería, defendida nesta ocasión por Xavi Malián, a un importante bastión case infranqueable que unicamente se rompía nun par de ocasións nos derradeiros minutos de partido, co encontro xa totalmente sentenciado e que finalizaba cun cómodo 2-14 para os españois.
Portugal, pola súa banda e tras unha primeira parte discreta malia o seu dominio, chegaba ao descanso con 2-1. Con todo, nos primeiros compases do segundo periodo encarrilaba o partido con catro tantos practicamente consecutivos en apenas dez minutos para terminar cun cómodo 7-1.
O grupo A está liderado tras este terceiro día por Portugal, que se mantén invicta xunto a Francia e Suiza, aínda que estas con un partido menos, mentres no B domina Italia por unha mellor diferenza de goles con respecto a España e a Alemaña, as tres selecciones que gañaron os dous encontros disputados ata o momento Inglaterra, Holanda e Bélxica aínda non sumaron ningún punto.
Os horarios e partidos do cuarto día de competición, mañá martes, son os seguintes:
10:00 | Inglaterra – Bélxica
12:30 | Austria – Francia
17:30 | Suiza – Andorra
20:00 | España – Alemaña
22:00 | Holanda – Italia