Palacio dos Deportes de Riazor – A Coruña | 14 de xullo de 2018
A cerimonia de inauguración, que comezaba ás 19:00 horas no Palacio dos Deportes de Riazor, marcou o inicio do 53 Campionato de Europa Masculino de Hóckey Patíns na Coruña que se prolongará ata o domingo 22 de xullo. O acto contou coa participación das patinadoras e os patinadores do C. P. A. Maxia da cidade galega, que realizaron unha coreografía exclusiva para cada unha das once seleccións nacionais que participan.
A continuación realizouse o desfile de todas elas, excepto Suiza, para dar paso posteriormente ás autoridades municipais e dos diferentes estamentos deportivos así como do comité organizador. Nos discursos interviñeron José Manuel Sande (concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento do Concello da Coruña), Carmelo Paniagua (presidente da Real Federación Española de Patinaje) e Ignacio González (vicepresidente da Real Federación Española de Patinaje), dando a benvida todos eles aos integrantes das seleccións nacionais, aos árbitros do campionato e a todos os afeccionados que durante estes nove días poderán gozar dun gran espectáculo na pista de Riazor. Ademais, tamén se atopaban presentes Vicente Torres (presidente da Federación Galega de Patinaxe), Fernando Graça (presidente do Comité Europeo de Hóckey Patíns) e varios membros do Comité Europeo de Hóckey Patíns entre os que estiveron Cesare Ariatti, Lluís Ferrer, Luís Rei, Ricardo Oliveira e Susana Pandavenes.
España vence comodamente a Inglaterra no partido inaugural
Durante esta primeira xornada de competición só se disputou un partido entre España e Inglaterra con claro dominio da selección anfitriona, que venceu 10 a 1, malia que o equipo inglés se adiantaba no marcador. Por España marcaron por partida dobre Eduard Lamas, Nil Roca e Raúl Marín, sendo o resto de goleadores Jordi Adroher, Albert Casanovas, Ignacio Alabart e Ferran Font. A estatística completa do partido pódese consultar en http://www.eurohockey2018.gal/gl
Mañá domingo dispútase a segunda xornada cos seguintes partidos e horarios:
14:30 | Alemaña – Holanda
17:00 | Suiza – Austria
19:30 | Bélxica – Italia
22:00 | Andorra – Portugal