As competicións autonómicas da tempada 2017-2018 de Hóckey sobre Patíns arrincan este fin de semana (23-24 de setembro) coas categorías masculinas Senior, Xuvenil, Infantil e Alevín.
11 equipos forman a Senior cunha liga regular de todos contra todos e 22 xornadas ata o 24 de febreiro de 2018, tras a cales se disputará a Final a 4 cos equipos que saian clasificados dunha primeira eliminatoria entre os que terminen do primeiro ao cuarto e do quinto ao oitavo.
A Junior, do mesmo xeito que a categoría Feminina, comezará coa Copa Federación desde o 30 setembro. No caso da liga Junior Masculina, iníciase o 30 de setembro con 5 equipos e liga regular ata o 2 de outubro en 10 xornadas. A Feminina terá 7 equipos, polo que serán necesarias 14 xornadas de liga regular ata o 20 de xaneiro de 2018 despois de comezar o mesmo fin de semana que os Junior.
Os 12 conxuntos da liga Autonómica Xuvenil, a máis numerosa se nos atemos a un só grupo, iníciase o 23 de setembro para disputar 22 xornadas ata o 17 de marzo de 2018, cando chegará o momento de levar a cabo a Final a 4, que tamén decidirá os campións galegos en Infantil e Alevín.
A Infantil divídese en dous grupos de 6 equipos (ambos con 5 xornadas con inicio o 23 de setembro e final o 21 de outubro) e un de 7 (7 xornadas desde o 23 de setembro ao 22 de outubro), xogando unha liga regular a unha soa volta tras a cal os tres primeiros accederán á segunda fase da competición na 1ª División mentres o resto seguirá en 2ª División. Tanto a 1ª División de Alevín como a 2ª poñeranse en marcha o 23 de setembro con 13 equipos na primeira e 10 na segunda para finalizar ambas o 17 de marzo tras 26 e 22 xornadas respectivamente de Liga Regular.
Para o resto de categorías haberá que agardar á próxima semana, comezando o 30 de setembro a Benxamín de 1ª División e o 14 de outubro a de 2ª División ademais de Prebenxamín, mentres as ligas Micro Norte e Sur farano o 18 de novembro.
Por outra banda lembrar tamén que as ligas autonómicas das categorías Feminina e Junior se disputarán unha vez que finalicen as súas respectivas Copas Federación.
Os calendarios de todas as categorías poden consultarse aquí.