A lucense formada no CHL Meigas e que actualmente milita no Tres Cantos PC da Liga Elite Femenina, equipo co que se proclamaba subcampioa, voltou a ser seleccionada polo seleccionador nacional feminino, Marcin Malacz, para participar con España no Campionato do Mundo Júnior de Hóckey Liña que se celebrará do 14 ao 21 de xullo na localidade italiana de Asiago-Roana; lembremos que Laura xa foi campioa do mundo fai dous anos, polo que viviu intensamente a experiencia mundialista.
Ola Laura, cal é a tua valoración desta tempada?
Dende o meu punto de vista foi unha moi boa tempada aínda que chea de cambios aos que nunca é doado facerse. A nivel de equipo, se ben é certo que non acadamos os nosos obxectivos de gañar a liga ou a copa, conseguimos traballar ben xuntas e gañar o campionato femenino Sub20. A nivel persoal penso que fixen un bo traballo e que mellorei en moitos aspectos.
Agardabas entrar na convocatoria da Selección Española unha vez máis?
Unha nunca está de todo segura das posibilidades que ten na selección, pero ao ser o meu derradeiro ano en categoría junior e ter xogado outro mundial tiña esperanzas.
Qué lle pides a este Mundial?
Pídolle un bo traballo pola miña parte e boas sensacións coas miñas compañeiras, e claro, se é posible conseguir outra vez o título.
Dende fóra vese que o hóckey liña feminino español está no seu mellor momento, es da mesma opinión?
Estou dacordo, as ligas femininas na actualidade teñen un nivel que hai anos era inimaxinable.
Na competición nacional estivéstedes a punto de conquistar o título e no teu caso, foi doada a adaptación no Tres Cantos?
Nun primeiro momento tiña medo de non encaixar ou non dar a talla, pero gracias a acollida das miñas compañeiras moi rapidamente comecei a sentirme coma na casa.
#eupatino