O CD Ourela ofrécenos para o sábado, 19 de novembro, dous eventos independentes pero ambos os dous unidos baixo o prisma da modalidade de Patinaxe Artística, que aos poucos vai collendo certo auxe na provincia de Ourense. O sábado pola mañá, de 10:30 a 13:30 horas, disputarase a Copa Deputación na que participarán patinadores e patinadoras dos clubes ourensáns, tendo como marco o pavillón do Campus Universitario situado no barrio das Lagoas de Ourense, na rúa Canella da Costa da Vela.
Pola tarde e cambiando de escenario, o segundo evento previsto é a Gala de Campións Galegos, que se celebrará no Pazo dos Deportes Paco Paz situado na Finca Sevilla de Ourense, onde todos os patinadores e patinadoras que lograron títulos autonómicos en 2016 farán unha exhibición de 18:00 a 19:30 horas, tendo cabida todas as modalidades da Patinaxe Artística, dende a categoría Libre a Parellas de Artístico, Parellas de Danza, Figuras Obrigatorias (aínda que estes non patinarán por razóns técnicas), Grupos e Só Dance. O acceso a ambos eventos é gratuíto, polo que estades todos convidados.