A fase previa que se celebrou este domingo 22 de abril na polideportiva n.º 1 de Riazor en A Coruña, con oito equipos inscritos e organizada polo ADC Alquimia Inline, deixábanos aos catro clasificados que disputarán a fase final da Copa Federación Cativos de Hóckey Liña, nunha data que se comunicará próximamente en formato de semifinais e final.
Non depararon sorpresas os partidos dos grupos A e B, clasificando como primeiros e directamente para a fase final a Club Hóckey Meigas no A e a Lóstregos no B. Mentres tanto no C, que contaba con só dous equipos, o Vigo Blue Ringed era o terceiro clasificado ao derrotar a Brigantiños, que aínda tería unha nova oportunidade de acceder á seguinte quenda no grupo D xunto aos segundos dos grupos A e B, Morcegos HL e Galicia Rollers Negro, sendo este o cuarto conxunto que accede á fase final, despois de vencer nos dous encontros disputados.
Rematou a Liga Galega Benxamín mentres na Feminina só resta por disputar un partido
O sábado tamén se xogaban no Pazo dos Deportes de Riazor, en A Coruña, sendos partidos das Ligas Galegas Benxamín e Feminina. No caso dos máis cativos, era o derradeiro partido da competición correspondente á xornada 12 entre ADC Alquimia Inline e Galicia Rollers, que remataba cun resultado de 4-1 favorable aos locais pero que, como xa mencionamos no avance, non muda a clasificación ao estar os coruñeses, xunto a Peque Lóstregos, con quen se enfrentarán nunha semifinal, e Club Hóckey Minimeigas e Morcegos HL, que xogarán a outra semifinal, os que disputen a Final a 4 que decidirá o título da Liga Galega o 20 de maio nunha sede aínda por designar.
No encontro da Liga Feminina entre ADC Alquimia Inline e Brigantium, o resultado era de 2-3 para as visitantes. Además o venres disputábase en Lugo o Lóstregos Feminino-Brigantium (6-0), a falta do derradeiro partido da competición entre os dous primeiros clasificados, Lóstregos Feminino e Club Hóckey Feminino Meigas, con estas como locais, o vindeiro 11 de maio, que decidirá quen remata a liga regular na primeira posición.
#eupatino
[Fotos: CP Lóstregos Lucus]