Ninguén quere ceder nas primeiras xornadas ou polo menos iso parece tras disputarse este domingo a Segunda Sede da Liga Galega Masculina de Hóckey Liña, que co CHL Cabuxos como anfitrión repetía o mesmo escenario da primeira no pavillón Daniel Cordido Castro de Lugo. Non fallaron CP Lóstregos Lucus nin CHL Cabuxos nos partidos correspondentes ás xornadas 3 e 4, pero cos primeiros descansando pola tarde tras vencer pola mañá a Brigantium con certa comodidade.
Sorprende a boa marcha ata o momento de Brigantium e A Guarda Hóckey Liña, que cun partido máis están empatados a 9 puntos cos dous equipos de Lugo, que contan por vitorias os seus tres encontros disputados. Tras estas dúas sedes comézase a abrir unha brecha na clasificación, con tres equipos xa moi descolgados e sen puntuar aínda (Brigantium Beta, Morcegos e ADC Alquimia InLine) e outros dous tratando de non perder o tren da cabeza (Lóstregos Máster e Vigo Blue Ringed).
A Terceira Sede disputarase o 17 de decembro en Vigo organizada por A Guarda Hóckey Liña.
#eupatino