Unha vez máis e por terceiro ano consecutivo, o pavillón das Travesas en Vigo albergaba o Campionato Galego de Grupos Show Grandes e Pequenos, que chegaba nesta ocasión á súa 16ª edición coa organización do Club C.A.R.P.A. – Viqueira. Como é habitual, as bancadas da pista central do complexo deportivo vigués presentaban un magnífico aspecto, nunha competición de moito nivel que adoita deparar brillantes e coidadas coreografías con vestiarios acordes a cada unha delas.
Comezaban saíndo ao parqué das Travesas na tarde do sábado, 4 de febreiro, os 10 grupos pequenos doutros tantos clubes das provincias da Coruña e Pontevedra. Non faltou emoción para decidir quen sería o campión, levándose o título e revalidando así o do ano pasado o grupo do CPA Gondomar coa súa actuación “Alma Torera”, superando por unha escasa marxe ao grupo local do C.A.R.P.A. – Viqueira mentres que o compostelán do CD Fontiñas completaba o podio.
Con todo, o club organizador tiña a súa recompensa cando chegaba a quenda dos grupos grandes, con 8 participantes, tamén da Coruña e Pontevedra. O C.A.R.P.A. – Viqueira, que xa vencera o ano pasado na mesma pista, proclamábase de novo campión coa coreografía titulada “Darasmo todo”. As outras dúas prazas do podio eran para o tudense Ribex e Patín Porriño, que en tres semanas exercerá de anfitrión no certame autonómico de Grupos Xuvenís e Cuartetos.
Como ben sabedes, a modalidade de Patinaxe Artística non descansa durante este mes de febreiro, con competicións oficiais todos os fins de semana e das que vos iremos informando na nosa páxina web e nas redes sociais da Federación Galega de Patinaxe. Podedes consultar a clasificación no documento adxunto.