O pasado domingo remataba a liga regular da categoría Masculina de Hóckey Liña da Liga Galega, que completou as súas 13ª e 14ª xornadas na Sétima Sede celebrada no pavillón de Bouzas en Vigo (Pontevedra).
Aínda que Lóstregos xa tiña garantida a primeira praza, foi toda unha sorpresa que perdese pola mañá ante A Guarda HL, que precisaba os puntos para acadar a cuarta posición que da opción a xogar as eliminatorias polo título. Porén, Lóstregos daba boa conta do CHL Cabuxos pola tarde, rematando ambos en primeiro e segundo lugar respectivamente mentras CPL Brigantium Arteixo finaliza terceiro e A Guarda HL, cun épico partido de novo pola tarde ante os de Arteixo, que tamén se resolvía con vitoria para os do sur de Pontevedra, será o cuarto equipo clasificado para a Final a 4 que se disputará o 18 de xuño xunto á Feminina.
[Fotos: Diego Silva]