Coa celebración das xornadas que estaban aprazadas, este domingo remataron as ligas regulares das competicións autonómicas de Hóckey Liña nas categorías Infantil e Feminina. O pavillón Daniel Cordido Castro de Lugo co CHL Meigas como anfitrión acolleu os derradeiros encontros de ambas. Na Infantil, o Lóstregos Norte remataba como primeiro clasificado tras a sorprendente derrota do Olimpo XXI Lóstregos, con moitas baixas pola presenza de varios xogadores na fase previa dos Campionatos de España Alevín e Xuvenil, ante Meiguiñas quen, xunto A Guarda HL, xogarán a Final a 4 polo título.
No que atinxe á categoría Feminina, non houbo sorpresas e aínda que o líder CHL Meigas empataba con Lóstregos Feminino, a primeira posición non mudaba, quedando fóra da loita polo título A Guarda HL, logo dun empate e unha derrota ante os seus rivais directos, ADC Alquimia InLine e CPL Brigantium Arteixo, que acompañarán aos dous equipos de Lugo na Final a 4.
Salientar tamén que nesa mesma xornada tivo lugar unha charla a xogadores e técnicos impartida polo seleccionador nacional de Hóckey Liña, Philippe Boudreault, que complementou ao Clinic que dirixiu durante todo o fin de semana.
[Fotos: Paco López]