O intenso traballo realizado nos últimos meses entre a Federación Galega de Patinaxe e os clubes de Roller Derby fructificou este pasado domingo coa celebración da primeira xornada da Liga Galega, que nace co obxectivo de dar certa continuidade a unha modalidade novidosa e que pouco a pouco vai collendo máis pulo. Logo de celebrar ao longo de 2018 diversos torneos amigables e unha competición oficial como foi a Copa Federativa Galega, a Liga Galega de Roller Derby iniciábase o pasado domingo 27 de xaneiro no pavillón de Candeán en Vigo cun primeiro encontro presidido pola emoción, onde as locais de Roller Derby Vigo Sereas Bravas se impoñían a Jabatas de Ourense por un axustado 98-95. Máis cómoda foi a vitoria de As Brigantias Roller Derby no partido que enfrontaba aos dous equipos da Coruña, cun resultado favorable a estas por 286-22 ante Irmandiñas Roller Derby, facendo valer aquelas a súa maior experiencia.
A segunda xornada celebrarase no pavillón de Fontiñas de Santiago de Compostela o sábado 16 de febreiro.
#eupatino