Por primeira vez no aínda curto desenvolvemento das competicións autonómicas de Hóckey sobre Patíns Liña, o pasado 6 de novembro estreábase unha nova categoría, a Benxamín, que comezaba coa súa 1ª Sede da Liga Galega no pavillón de Bouzas en Vigo. Facíao ademais cunha importante presenza de equipos, pois o Feiticeiras, Mini Meigas, Lostreguiños, Lóstregos Kids e Peque Lóstregos, todos eles de Lugo, unidos a Morcegos de Ourense e Vigo Blue Ringed de Vigo, que eran neste caso os anfitrións e organizadores da sede, serán os que compitan durante a tempada 2016-2017 nas cinco sedes designadas pola Federación Galega de Patinaxe.
Xa dende primeira hora da mañá do domingo, o polideportivo vigués mostraba un excelente aspecto nas súas bancadas, cos seareiros animando ás xoves promesas do hóckey liña galego, sendo para moitos deles e delas o seu estreo en competición oficial, o que sempre supón ter que amornar os nervios nunha ocasión tan especial.
Nesta primeira sede levábanse a cabo tres xornadas sendo o Lóstregos Kids, que gañaba os seus tres encontros disputados, así como o Peque Lóstregos, os únicos que se manteñen invictos, aínda que este con dous partidos gañados pois nunha xornada tocáballes descansar, ó estar composta a competición por un número de equipos impar. A terceira praza provisional é para Feiticeiras, con dúas vitorias e unha derrota. A vindeira sede será o 15 de xaneiro de 2017 en Lugo.