Os patinadores e patinadoras que participen este fin de semana no Trofeo Xunta de Patinaxe Artística terán a segunda competición provincial da tempada na que desenvolverán o programa longo os patinadores e patinadoras de Primeira Categoría, despois de disputar en pasadas datas os respectivos Trofeos Deputación nos que realizaron o programa curto da modalidade libre.
Desta volta, o Trofeo Xunta celebrarase na provincia da Coruña no pavillón do Milladoiro do concello de Ames organizado polo C. P. A. Omega, que precisará de dúas xornadas para atender a elevada demanda de inscricións con 81 participantes. O sábado 23 de febreiro competirán as categorías Benxamín, Alevín, Infantil e Cadete mentres que o domingo 24 será a quenda da Xuvenil, Júnior e Sénior.
En Pontevedra, concretamente no pavillón do C. E. I. P. Souto Donas de Gondomar, as mesmas categorías participarán unicamente durante a xornada do sábado baixo a organización do C. P. A. Gondomar coa presenza de 34 patinadores e patinadoras.
Na nosa páxina web de competicións podedes consultar os horarios definitivos e as ordes de saída.
#eupatino