O pavillón Daniel Cordido Castro do barrio lugués da Piringalla acolle unha nova sede da Liga Galega Masculina de Hóckey Liña, concretamente a Sexta e penúltima da tempada na que se desenvolverán as xornadas 11 e 12. E polos enfrontamentos que nos deparará, ben pode quedar case decidida a primeira posición, pois o domingo ás 15:30 horas disputarase o partido máis interesante desta Sexta Sede entre os locais do Lóstregos, que contan os seus dez partidos por vitorias, e o CPL Brigantium Arteixo, segundos na clasificación con 25 puntos polos 30 do líder. Non cabe dúbida de que é unha oportunidade inmellorable e xa case a última para rematar a liga regular na primeira posición. CHL Cabuxos, con 22 puntos, tampouco quere perder a ocasión de optar a unha segunda praza que semella complicada, pois aínda lle resta enfrontarse ao Lóstregos na derradeira xornada da competición. Outro equipo que podería deixar resoltas as súas aspiracións é A Guarda HL, pero que terá nesta sede un partido sumamente difícil ante o CHL Cabuxos de Lugo. Porén Lóstregos Master, que é o quinto clasificado e que abre esta sede contra o líder Lóstregos, conta quizais co calendario máis favorable nas tres xornadas que restan, polo que a cuarta praza non debería estar descartada.