Despois dun fantástico inicio en Vigo hai tres semanas, a Liga Galega de Roller Derby desprázase este sábado 16 de febreiro a Santiago de Compostela para disputar a segunda xornada da competición autonómica, que avanza con bo pulo por parte dos catro equipos que compiten na mesma.
O pavillón de Fontiñas acollerá dous novos encontros da Liga Galega co primeiro desde as 17:00 horas entre As Brigantias Roller Derby A Coruña e Sereas Bravas Roller Derby Vigo, precisamente os dous conxuntos que gañaron na primeira xornada. A continuación e a partir das 19:00 será a quenda de Roller Derby A Coruña Irmandiñas ante Jabatas Roller Derby Ourense.
Se queredes descubrir esta nova modalidade da patinaxe, só tedes que acercarvos na tarde do sábado ao número 3 da rúa Dublín, onde se ubica o pavillón do barrio compostelán de Fontiñas.
#eupatino