O vindeiro domingo, 13 de novembro, disputarase no pavillón Daniel Cordido Castro do barrio da Piringalla de Lugo a Segunda Sede da Liga Galega Masculina de Hóckey Liña, organizada polo Lóstregos.
Trala Primeira Sede, que se xogou no mesmo escenario o pasado 16 de outubro, tres equipos encabezan a clasificación: Lóstregos e CHL Cabuxos, ambos os dous de Lugo, e CPL Brigantium de Arteixo. A competición acaba de botar a andar e os clubes lucenses amosan o seu potencial, ocupando dende as primeiras xornadas os postos altos da táboa como vén sendo habitual na categoría Masculina, aínda que os equipos da parte baixa veñen pisando moi forte.
A partir das dez da mañá e ata pasadas as sete da tarde, os equipos das catro provincias despregaran as súas armas para poder puntuar nesta sede, correspondente ás xornadas terceira e cuarta da Liga Galega de Hóckey Liña Masculina.