Tras o descanso do Nadal, volven as competicións autonómicas de Hóckey Liña coa celebración da Segunda Sede da Liga Galega Alevín, que se disputará o domingo 13 de xaneiro no Pazo de Deportes de Riazor da Coruña organizada por A. D. C. Alquimia Inline. Ademais e como complemento a esta intensa xornada, unha vez rematados os partidos da categoría Alevín xogarase o correspondente á Sénior Masculina entre A. D. C. Alquimia Inline e os ourensáns de Morcegos H. L.
Os seis encontros de Alevín corresponden ás xornadas 3 e 4 da competición e comezarán ás 10:00 horas do domingo para rematar pasadas as cinco da tarde. A clasificación provisional está liderada por Lóstregos e Morcegos, ambos con seis puntos e dous partidos gañados e que terán un enfrontamento directo a partir das 15:00, polo que un deles podería rematar esta Segunda Sede como líder en solitario.
Por outra banda haberá outras actividades que podedes consultar na páxina web do A. D. C. Alquimia Inline e, para os que non vos podades desprazar ata Riazor, teredes a ocasión de ver os partidos en directo na canle de YouTube do club coruñés.
#eupatino