Intensa e frenética actividade este fin de semana con dúas xornadas, sábado 28 e domingo 29 de outubro, nas cales a Patinaxe Artística se converterá en protagonista en A Coruña, A Pobra do Caramiñal e Vigo coa celebración da penúltima competición autonómica oficial da Federación Galega de Patinaxe, que despedirá 2017 dentro de dúas semanas coa II Fase de Niveis de Só Dance e Figuras Obrigatorias.
Pero antes un total de 767 patinadores/as están inscritos para a III Fase de Niveis de Patinaxe Libre que se disputará en tres sedes. Na de A Coruña Norte daranse cita, baixo a organización do Club Deportivo Fervello de Arteixo, 219 deportistas que competirán no Pavillón Elviña II de A Coruña o sábado todo o día e o domingo pola mañá, sendo este programa horario similar ao de A Coruña Sur, que se levará a cabo no Pavillón Venecia de A Pobra do Caramiñal organizada polo club local e á cal acudirán 233 patinadores/as.
Porén, será no Pavillón do Carme de Vigo co C.A.R.P.A. como organizador onde terán a representación máis numerosa con 315 inscritos, o que fará que tanto o sábado como o domingo haxa dobre xornada matinal e vespertina. #eupatino