Superado o período estival que supuxo un pequeno pero merecido descanso nas competicións de Patinaxe Artística, así como a celebración dos campionatos nacionais e internacionais, as probas desta modalidade chegan de novo durante este mes de novembro para dar por concluída unha intensa tempada.
Este fin de semana teremos a III Fase de Categoría Rexional organizada polo Club Patín Axel de Arteixo, que se disputará en dous emprazamentos diferentes. O sábado 12 de novembro será no Pazo de Deportes de Arteixo para as categorías Alevín, Infantil, Benxamín e Parellas de Danza. O domingo, 13 de novembro, os patinadores e patinadoras estarán no Pavillón Elviña II da Coruña, onde lle tocará a quenda ás categorías Absoluta e Cadete, neste caso en horario unicamente de mañá.
Ademais e aínda que a próxima semana facilitaremos máis información respecto diso, lembrámosvos que o sábado 19 de novembro disputarase a Copa Deputación no Pavillón do Campus Universitario de Ourense, organizada polo club local CD Ourela, quedando xa para o último fin de semana de novembro a III Fase de Niveis, que supoñerá o peche á actividade da Patinaxe Artística neste 2016.