Un milleiro de inscritos participarán esta fin de semana (17-18 de novembro), e tamén o vindeiro sábado 24 no caso dos clubes de Pontevedra e Ourense, na II Fase de Niveis Libre (do 1 ao 7) de Patinaxe Artística, o que como xa é habitual obrigará a establecer tres sedes para as diversas competicións e acoller así a todos os participantes. Ademais, esta será a derradeira proba oficial dos campionatos autonómicos da modalidade, polo que o próximo sábado se dará por rematada a presente tempada 2018.
Para os clubes da Coruña Norte, a competición desenvolverase no pavillón municipal de Corcubión organizado polo CPA Costa da Morte coa presenza de 278 patinadores e patinadoras inscritos. Un total de 301 deportistas acudirán á convocatoria da Coruña Sur, que coa organización do CP Oroso se celebrará no pavillón Juanito Amigo de Sigüeiro.
Xa para os clubes de Pontevedra e Ourense, esta fase de niveis terá lugar en tres xornadas no pavillón de Candeán de Vigo organizado por CP Vagalume-Celtamotor para acoller aos 420 participantes que competirán o sábado 17, o domingo 18 e o sábado 24 de novembro.
A orde de saída e os horarios poden ser consultados na páxina web de competicións da FGP.
#eupatino