Vigo acolle de novo e agardando que con máis fortuna que o mes pasado, cando se tivo que suspender por causas alleas ó organizador a sede Feminina e Infantil, a Cuarta Sede da Liga Galega Masculina de Hóckey Liña. Disputaranse dúas xornadas no pavillón de Bouzas, a sétima e a oitava, comezando ás 10:30 do domingo (19 de febreiro) co primeiro partido que ademais será o derbi lugués entre CHL Cabuxos e Lóstregos, os equipos que lideran a clasificación provisional, polo que ao remate da sede podería haber cambios na mesma. Lóstregos está invicto cos seus seis encontros gañados ata o momento mentres que Cabuxos conta con cinco vitorias e un empate.
Sen tratar de perder o ritmo que marcan os conxuntos de Lugo, CPL Brigantium Arteixo non quere descolgarse no partido que pecha a xornada, ás 19:15 horas, cando se enfronte ao Lóstregos Master, cuarto clasificado. Antes dese encontro, haberá outro derbi con tintes locais entre o A Guarda Hóckey Liña e o anfitrión nesta ocasión, o Vigo Blue Ringed. Por outra banda tamén hai que salientar o partido que xogarán pola mañá Morcegos HC de Ourense e ADC Alquimia Inline da Coruña, pois ambos son pechacancelas sen sumar aínda ningún punto no que levamos de competición.