A deste domingo debería de ser a derradeira sede da categoría Feminina da Liga Galega de Hóckey Liña, pero o aprazamento da segunda implica que haxa partidos aprazados que se disputarán o 21 de maio. Dous encontros pola mañá no pavillón de Bouzas en Vigo (Pontevedra) e tres pola tarde forman as xornadas 7 e 8. Lóstregos Feminino e CHL Meigas, os dous equipos de Lugo, lideran a clasificación provisional con catro vitorias en outros tantos encontros, polo que o partido que os enfrontará ás 10:15 horas do domingo 30 de abril será, sen dúbida, o máis interesante da xornada.
A categoría Infantil disputa tamén as xornadas 7 e 8, pero a esta aínda lle resta a derradeira sede o 7 de maio mais os encontros aprazados da segunda, que serán o 21 de maio. Tamén aquí os equipos de Lugo lideran invictos a clasificación provisional, contando Olimpio XXI Lóstregos e Meiguiñas os seus catro partidos por vitorias.