A Liga Galega na categoría Benxamín afronta o seu treito final da competición con cinco xornadas por disputar na liga regular, tres das cales terán lugar este domingo, 9 de abril, na Cuarta Sede que se celebrará no pavillón Daniel Cordido Castro do barrio da Piringalla de Lugo, cunha intensa axenda de partidos desde 10:30 da mañá ata case as oito da tarde.
Entre os enfrontamentos da xornada 10, haberá un interesante Lóstregos Kids-Feiticeiras, primeiro contra segundo clasificados con 22 e 21 puntos cadanseu, o que podería aportar cambios na clasificación. É moi posible que deste partido saia o líder definitivo, a pesar de que aínda restaría despois desta a Quinta e derradeira Sede o 7 de maio.
Outro dos focos de interese será comprobar se Peque Lóstregos logra manter a terceira praza, pois conta con seis puntos de marxe sobre os ourensáns de Morcegos, quen a súa vez quere seguir na cuarta posición que permitirá o acceso á Final a 4, tendo como rivais a Vigo Blue Ringed e Mini Meigas.