A primeira proba da temporada de categoría nacional na modalidade libre de Patinaxe Artística na que se disputarán conxuntamente os programas curto e longo celébrase esta fin de semana, co Campionato Provincial para as categorías Cadete, Xuvenil, Júnior e Sénior.
Dúas xornadas formarán o programa na provincia da Coruña onde participarán 45 patinadores e patinadoras na proba organizada polo C. P. Oleiros no pavillón Arsenio Iglesias de Santa Cruz, no concello coruñés de Oleiros. Na do sábado será a quenda dos adestramentos e o programa curto para desenvolver na mañá do domingo o programa longo.
Por outra banda, o pavillón de Valadares en Vigo acolle a proba para os 23 patinadores e patinadoras inscritos na provincia de Pontevedra coa organización do C. P. A. Valladares, que só precisará da xornada do sábado para desenvolver o programa previsto, cos adestramentos, programa curto e longo de cada unha das categorías.
Na nosa páxina web de competicións de Patinaxe Artística están á vosa disposición os horarios completos e as ordes de saída.
#eupatino