Segue a frenética actividade de Patinaxe Artística cun novo certame autonómico este sábado baixo a organización do CP Vagalume, pois se celebra no pavillón vigués de Candeán o Campionato Galego de Só Dance, Parellas de Danza e Parellas de Artístico, cun intenso programa que podedes consultar no noso portal específico, o cal comezará ás 9:00 da mañá do 8 de abril cos adestramentos para, unha hora máis tarde, iniciar a competición propiamente dita de todas as categorías, desde Alevín a Senior.
Por outra banda, o Campionato Autonómico de 2ª Categoría de Grupos Show, que estaba previsto para este domingo organizado polo Club Brincadeira, aprazouse ao 25 de xuño.