Nos pasados días concluíron as fases regulares das ligas autonómicas de Hóckey Liña que restaban por rematar, deixando así a clasificación final das mesmas e os equipos clasificados a para as súas respectivas Finais a 4, que se disputarán a fin de semana do 1 e 2 de xuño no pavillón Daniel Cordido Castro de Lugo e que foron adxudicadas a C. H. L. Meigas.
Na categoría Benxamín o Peque Lóstregos finalizaba como líder cunha cómoda marxe de puntos sobre o segundo clasificado a ademais con trece vitorias e un empate nos catorce encontros disputados. Aos de Lugo acompañarano na Final a 4 Minimeigas, Galicia Rollers e Morcegos.
Meiguiñas rematou na primeira praza na Alevín seguido por Lóstregos, Morcegos e Vigo Blue Ringed, que xogarán a Final a 4.
Tamén a Sénior Masculina finalizaba a pasada semana con Lóstregos Máster como primeiro clasificado por tan só un punto de marxe con repecto a Lóstregos, precisamente con ambos enfrontándose na derradeira xornada da competición e á que Lóstregos Máster xa chegaba co título oficioso conseguido, fose cal fose o resultado que rematou sendo favorable a Lóstregos. Xunto a ambos estarán na Final a 4 Brigantium e A Guarda H. L.
[Fotos: Lóstregos Lucus]
#eupatino